Comezou o 2011 e fíxoo con fortes subas no prezo da luz, o gas, a cesta da compra… incrementos que non se acompañan dunha suba salarial que o compense, e nunha situación de elevada taxa de paro. Con este panorama os redondeláns comezan o ano 2011 con pesimismo, augurando que para as economías familiares será aínda peor que o exercicio de 2010 que vimos de deixar.
Estamos a vivir a maior costa de xaneiro da democracia, xa que enerxía, transporte e alimentación comezan o 2011 con fortes incrementos. A subida da factura da luz foi o incremento de prezos que máis polémica levantou, cun 9,8%, pero non será a única. Os consumidores van ter que apertar o cinto aínda máis para facer fronte á suba doutros moitos servizos e produtos . A inflación subiu en Galicia un 3,1%. O gas natural tamén se encareceu un 3,9%, o prezo da bombona de butano, volveu subir en xaneiro outro 3,13% co que o prezo é de 13,19 euros. Os combustibles continúan a súa senda alcista e imparable. Tamén subiu o prezo de transportes públicos como o tren, entre un 3% e un 5%, e tamén soben as peaxes das autoestradas. Os que teñan unha hipoteca tamén van sufrir incrementos, o Euribor subiu 0,28 puntos con respecto a hai un ano, o que suporá unha nova subida das hipotecas, unha media de máis de 200 euros ao ano. Tamén vai subir a roupa. Todos os produtos téxtiles de algodón van rexistrar incrementos do 15% polo aumento do prezo da materia prima. A esta situación súmanse unhas condicións laborais precarias, con subas da orde do 1,5% no mellor dos casos, xa que para moitos traballadores o salario leva anos conxelado. A algúns, como ós funcionarios, mesmo lles baixou. Para David, un veciño de Redondela, vai ser un ano moi difícil, xa que todos os bens e servizos soben “menos os salarios”. Tamén Celia, unha funcionaria, é moi pesimista coa actual conxuntura económica. Asegura que moitas familias van quedar “nunha precaria situación”. Moitos apuntan á falta de previsión do goberno como causa desta situación, é o caso de Chelo, unha traballadora do sector da hostalaría que lamenta que o goberno “tardase tanto” en recoñecer a crise e reaccionar. E as cifras de paro continúan aumentando. Ademais o 15 de febreiro desaparecerá a axuda dos 426 euros a desempregados sen ningún tipo de prestación. Tamén se eliminou a dedución de 400 euros. Así as cousas, os redondeláns vivirán este 2011 con máis dificultades aínda que en 2010. Os expertos consideran que será este ano cando realmente se vaia a notar as verdadeiras consecuencias sociais da crise. Vai ser un ano difícil.