Anuncian a celebración de asembleas en todas as parroquias informando aos veciños e a convocatoria de actos protesta. Teñen previsto ademais a recollida e presentación de alegacións colectivas e individuais e ao mesmo tempo seguen recollendo sinaturas para solicitar a paralización definitiva do proxecto.
Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Asociacións de veciños, comunidades de augas e colectivos sociais e culturais de diferentes parroquias do municipio asinan un manifesto no que critican un proxecto que ao seu entender é un claro malgasto de cartos públicos nun momento de crise pero, sobre todo, porque a súa construcción conlevará importantes estragos como desmontes, aterramentos, perda de mananciais, posibles riadas e irreversible cambio de paisaxe e do medio ambiente. Denuncian tamén a perda de valor das propiedades colectivas e particulares, o aumento da contaminación, a perda de accesos e camiños e a destrucción do habitat que vai supoñer súa construcción.
Finalmente subliñan que esta obra bloqueará de xeito irreversible a expansión e crecemento do concello.