Insisten en que de nada serve crear prazas de aparcamento de zona azul co obxectivo de favorecer a rotación de vehículos se logo non existe un control real do tempo que cada turismo permanece estacionado no lugar. Reclaman ademais novas prazas en Vilavella e nas inmediacións do centro de saúde.
O PP insta ao goberno local a que tome medidas para solucionar a falta de aparcamento que existe na vila e que segundo denuncian prexudica ao comercio e á hostelería local ademais de causar importantes colapsos no centro urbano, afectando á calidade de vida, xerando ruídos e un maior gasto de combustible. Critican que dende a concellería de tráfico se anuncien medidas encamiñadas a favorecer a rotación de vehículos como a regulación do aparcamento co sistema de prazas de zona azul, que logo non son efectivas por carecer de control algún. Ese sería o caso do Campo da feira, onde a pesar de que os vehículos so poderían estar estacionados por un período máximo de 90 minutos esa restricción non é acatada polo condutores, xa que non se están a sancionar aos que superan ese tempo. Caso diferente é o da zona de Vilavella baixo o viaduto Madrid, onde dende hai meses operario municipais procederon a pintar de azul as liñas que delimitan as prazas pero nunca chegou a pórse en marcha o sistema de aparcamento limitado. Con todo, dende o PP entenden que ademais deste tipo de medidas é imprescindible incrementar o número de prazas existentes e lembran que dende o concello xa se recoñecera a existencia deste problema e se prometera “hai moitos meses habilitar e acondicionar determinadas zonas como aparcadoiros en superficie para tratar na medida do posible de paliar a escaseza de prazas”. Entenden que a solución no caso de Vilavella pasa por alugar parcelas a particulares para acomodar estes estacionamentos.