O director de Portos de Galicia José Manuel Álvarez-Campana presentou onte no Porto de Cesantes o proxecto para a nova lonxa. Un edificio moderno a un tempo que funcional que será a primeira pedra para converter o peirao de Cesantes en porto de referencia.
O edifico, cuxo proxecto foi presentado onte polo director de Portos de Galicia na súa visita a Redondela estará dividido en dous andares. Na planta baixa de 350 metros cadrados situaríanse os espazos ligados ás actividades de venta, transporte, clasificación e almacenamento. Tamén se localizarían nela os vestiarios para os usuarios e as cámaras de xeo e frío, tal e como demandaran os traballadores. A planta alta cunha superficie de 163 metros cadrados destinarase para usos administrativos, didácticos e de estudo, con estancias comúns. O orzamento estimado da actuación sería de arredor de 630.000 euros, tal e como se contemplaba no Programa de Inversión para o porto redondelán. En canto aos prazos estimados, segundo explicou o director do ente autonómico ante os membros da corporación redondelá e o patrón maior de Redondela, Clemente Bastos as obras poderían comezar xa a finais deste mesmo ano e entrarían en funcionamento no 2012. Segundo Portos de Galicia nun primeiro momento estudouse a posibilidade de rehabilitar o actual edificio, pero o seu mal estado obrigou a desbotar esta posibilidade, optando pola súa demolición e a construción dun edificio moderno que dea resposta a todas as necesidades manifestadas pola Confraría. Un edificio que parece convencer aos traballadores do mar. Rita, unha mariscadora que asistiu ao acto de presentación amosouse satisfeita co proxecto, aínda que reclamaba que no proxecto global se teñan en conta outras demandas dos traballadores, como a necesidade de que o futuro peirao que se prevé construír sexa pilotado na súa totalidade para favorecer que haxa correntes. No mesmo senso se manifestaba o socialista Eduardo Reguera quen reiteraba que esa é a única opción se se queren recuperar os bancos marisqueiros e a propia praia. Unha demanda que o director de portos asegurou que será tida en conta polos técnicos da Xunta. Este proxecto de investimentos contempla, xunto coa lonxa, dotacións como a zona de varada e travellift ou os edificios de departamentos para usuarios e servizos náuticos. En total, Portos de Galicia deseñou para o porto de Cesantes unha inversión global de 6 millóns de euros, na que se enmarcan as citadas actuacións e que serán unha realidade no prazo de “4 ou 5 anos”.