Como novidade deste ano realizarase o I Concurso de abridores da Ostra e homenaxearase aos que iniciaron o evento gastronómico hai 25 anos. Estímase que durante os dous días de celebración pasarán polo concello 30.000 persoas e vendaranse máis de 100.000 unidades.
O Concello de Soutomaior acolle este fin de semana a XXV edición da Fdesta da ostra. Os visitantes acoden cada ano a degustar o molusco máis popular das Rías Baixas, que se servirá como é habitual ao natural, en escabeche ou ben en empanada a prezos que se manteñen nos 4 euros a ducia de ostras. Este ano, como novidade no 25 aniversario realizarase o I Concurso de abridores de ostra. Ademais por primeira vez utilizaranse materiais reciclables nos pratos, coitelos e panos de mesa “colaborando e comprometéndonos co medio ambiente” segundo declaración do alcalde Agustín Reguera quen aseguraba que era esta “unha ocasión única para fomentar e mellorar a concienciación cara unha recollida selectiva e o reciclaxe predicando co exemplo e sendo ecolóxicos nun evento tan multitudinario”. Aínda que as casetas de degustación abrirán as súas portas na fin de semana a primeira das citas será o venres cunha homenaxe ás persoas que iniciaron unha festa que a día de hoxe é unha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia como o acredita o feito de que fora declarada de Interese Turístico no ano 2002. A apertura das casetas será o sábado ás 11 horas e xa as seis da tarde será o concurso de abridores. No recinto da festa e para amenizar a noite actuarán as orquestras Panorama e Jerusalén. O domingo, 3 de abril, as casetas estarán dispoñibles a partir das 10 h da mañá, ás 11 h percorrerán as rúas de Arcade la Banda de Música Cultural de Arcade e a Agrupación Musical Artística de Arcade, e o pregón á unha do mediodía correrá a cargo das “Cantareiras de Ardebullo”.