Trátase dun expositor ambulante que permite achegar aos colexio publicacións editadas en todas as linguas da Península. Ademais de visitar os colexios, o luns estará na alameda de Chapela e na mañá de martes e mércores na de Redondela. O proxecto leva pro nome “A semana do libro, a festa das palabras” e está organizado pola Biblioteca e Normalización Lingüística.
O Servizo de Normalización Lingüística e máis as Bibliotecas públicas de Redondela organizan, por terceiro ano consecutivo “a Semana do libro, a festa das palabras” cunha exposición multilingüe que se instalará en espazos pouco convencionais (como as alamedas ou a entrada dos multiusos), e que este ano ademais, está a visitar os centros de ensino de primaria do noso concello cunha biblio-caravana. Grazas á colaboración das diferentes institucións ás que se solicitaron os libros na caravana expóñense materiais multilingües nos diferentes idiomas da Península Ibérica (galego, castelán, portugués, catalán, aranés, éuscaro, asturiano e aragonés). Ademais de material procedente dos fondos da Biblioteca Municipal e da Axencia de Lectura de Chapela. Pero ademais, este ano contouse coa colaboración de Protección Civil de Redondela (que serve de apoio loxístico desprazando a biblio-caravana duns lugares a outros), e do Ciclo Superior de Educación Infantil do IES de Chapela, que envía o seu alumnado para realizar actividades de contacontos e promoción da lingua galega para alumnado de infantil dos centros a onde chega a exposición. Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro e procurar unha animación efectiva á lectura, co obxectivo de mostrar a diversidade cultural e lingüística dos territorios que nos son máis próximos, e facer fincapé na necesidade do respecto e promoción de todas as linguas, por pequena que sexa a súa distribución ou o número de falantes, pois todas elas constitúen o noso patrimonio cultural e enriquecen a nosa vida.