O responsable de CIG Mar, Xabier Aboi asegura ante as mariscadoras que aquelas que non reciban ningunha axuda que supere os 500 euros mensuais e teñan máis de 65 anos volverán recibir o subsidio implantado polo bipartito e cuxa retirada fora anunciada pola Xunta.
A Consellería do Mar e o sindicato nacionalista acadaron un acordo polo cal a Xunta volverá a aboar as axudas as mariscadoras que unha vez cumpridos os 65 anos víronse na obriga de abandonar o traballo no mar, sen ter os anos mínimos para a cotización. O Departamento de Rosa Quintana, desbota así a idea de devolverlles o permiso para mariscar a pé ata completar a súa cotización a Seguridade Social, unha medida rexeitada polo sector “diante da imposibilidade de que unhas mulleres de case 70 anos, puidesen exercer un traballo de tanta dureza física”.
As axudas que recibirán estas mulleres dependerán dos ingresos que estean a percibir e non se concederá ningunha axuda a aquelas que perciban máis de 500 euros por outros conceptos, como por exemplo as pensións de viuvez.
O secretario da confraría de Redondela, Anxo Lusquiños congratúlase pola rectificación da Consellería e amosa o seu agradecemento ao BNG por terse manifestado no Parlamento a favor de manter estas axudas ás mariscadoras.
Agradece tamén o posicionamento do Concello de Redondela a prol desta reivindicación acordada no pleno municipal e critica “a actitude amosada polo Partido Popular de Redondela, non apoiando a estas veciñas do noso Concello, preferindo seguir as ordes de Santiago”.