O premio do público foi para “El orden de las cosas” onde se aborda dende unha ollada diferente a violencia de xénero. Este traballo logrou a vitoria por tan só un voto de diferencia coa curta galega de animación “Vicenta”.
Unha road movie cómica sobre dous guionistas escribindo unha película e sobre unha parella adolescente de ladróns de bancos foi a curtametraxe elixida polo xurado na sétima edición do festival Redondela en curto que se celebrou na fin de semana en Redondela. Catro días de proxeccións e de actividades alternativas, como a exposición pictórica do redondelán Angel Montero Barros, que se converteron ademais na edición cunha maior presenza de público. O concelleiro de cultura Eduardo Reguera era o encargado de anunciar os traballos gañadores e de entregar o premio ao xoven director Sergi Portabella, quen relatou ante os asistentes as aventuras que o levaron a rodar “The astronaut on the roof” en Berlín e con dous actores ingleses como protagonistas. A curta galega de animación “Vicenta” quedou ás portas da vitoria e foi un único voto de diferenza o que decidiu que o premio do público fora para “El orden de las cosas”. Unha dramática historia asinada por César e José Esteban Alenda na que se reflexiona sobre os malos tratos dende unha ollada diferente.