A estatua de Castelao recibiu un ano máis a homenaxe institucional do Concello de Redondela co gallo do Día das Letras Galegas. O tenente de alcalde, Carlos Pazos, foi o encargado de facer unha aposta pola defensa da lingua galega “a maior e mellor” obra colectiva de Galicia. No seu discurso, con mencións a Castelao, Rosalía de Castro e Lois Pereiro, fixo un chamamento á cidadanía para asumir a tarefa colectiva de “manter vivo o que nos dá vida” e non permitir “nin unha agresión máis” ó galego.
A Alameda de Redondela congregou esta mañá a ducias de persoas para participar no tradicional acto institucional co gallo do Día das Letras Galegas. Antes da ofrenda floral na estatua de Castelao, o tenente de alcalde, Carlos Pazos, foi o encargado de facer un discurso no que reivindicou o galego como a nosa “maior e mellor obra obra colectiva” . Nun acto no que estivo acompañado por concelleiros de todos os partidos da corporación, Pazos Docampo fixo unha reflexión sobre a situación actual do idioma, que “esmorece” entre os máis novos. Lembrou as palabras de Castelao, quen defendía que “se somos galegos é polo idioma”, unha lingua “coa que pode darse a volta ó mundo” e que foi “a elixida por reis como Alfonso X para as súas obras”. O discurso de Pazos lembrou que a nosa lingua lingua é “culta e útil”, e que do mesmo xeito que “ninguén consentiría unha agresión ó Pórtico da Gloria”, tampouco se deben consentir as “continuas agresións ó idioma”. Unha lingua que, afirmou, “recibimos en herdo e temos a obriga de enriquecer”.