O multiusos quedou pequeno para acoller a todo o público que non quería perder a toma de posesión do xa novo alcalde, o popular Javier Bas. Non houbo sorpresas e a sesión desenvolveuse segundo o esperado coa abstención do único representante de AER, Jorge Varela “Chopi” o que fixo posible un cambio de goberno en Redondela.
Javier Bas recibía o sábado os dez votos correspondentes aos concelleiros do PP, mentres que o candidato socialista Eduardo Reguera tamén acadaba dez papeletas, as oito correspondentes aos concelleiros do PSOE e as dúas do BNG. A abstención de Jorge Varela Chopi, de Agrupación de Electores deixaba finalmente a alcaldía en mans da lista máis votada, a dos populares que na xornada de hoxe están xa tomando posesión no Concello de Redondela. Logo da votación, Javier Bas agradecía nun breve discurso o apoio recibido polos veciños, polo exalcalde popular Amado Ricón e tamén pola súa familia. Un discurso que nos deixaba a anécdota da xornada cando Javier Bas nun “lapsus” aseguraba que era un “horror” para el e unha responsabilidade converterse en alcalde de Redondela. Un erro que corrixía de xeito inmediato cambiando a palabra horror por “honra”. Bas tendía a man ao resto dos grupos presentes na corporación “así como aos partidos políticos que non acadaron representación para traballar e colocar a Redondela no posto que se merece como cuarto municipio da provincia” Un pleno de investidura máis tranquilo do esperado a pesar da masiva afluencia de público e a pesar das protestas que se produciron ás portas do auditorio. Unhas protestas que con todo tiveron carácter festivo aínda que sen esquecer o aspecto reivindicativo. Algúns dos que se tiveron que quedar ás portas do auditorio manifestaron con berros o seu cabreo e incluso o concelleiro de AER, Jorge Varela fixo alusión na súa intervención a que lle parecía “inxustísimo que houbera xente que non puidera entrar”. Este edil era o único que se saltaba o protocolo e no seu xuramento ao cargo de concelleiro omitía a promesa de gardar lealdade ao Rei.