Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela acada a terceira praza na Bandeira Aguila Praia de Silgar, onde gañou Tirán

RR_Noticias

A tripulación de Moaña confirmou os prognósticos que a daban como favorita e fíxose coa vitoria, aínda que non puido relaxarse en ningún momento da regata debido á presión exercida por Amegrove InterRías, que foi o único equipo capaz de plantar cara a Tirán, manténdose sempre a unha distancia que non permitía ningún descanso aos de Moaña. A embarcación de Redondela fíxose cunha meritoria terceira praza.

Na Bandeira Aguila, celebrada fronte á praia de Silgar, participaron catorce traiñeiras das que doce estarán na liga Galega. Desde as primeiras paladas Tirán colleu proa de regata e xa ninguén puido con eles. Aos poucos e sen aparente esforzo, foron gañando metros en cada un dos catro longos e as tres viradas, para cruzar a meta con ampla marxe. Só Amegrove tentou restar a superioridade aos de Moaña, aínda que só puideron entrar en segunda posición a 6 segundos dos campións. Terceiro foi Chapela, que demostrou ter unha embarcación para estar entre os grandes. Aos redondeláns aínda lles falta coller ritmo, pero de aquí ao día 26 en que dá comezo a liga Galega 2011, o C.R. Chapela ten moita marxe de mellora.
Esta fin de semana non haberá competición de traiñeiras, aínda que si se celebrará en Cesantes a Bandeira Concello de Redondela de Bateis, que tivera que suspenderse por mor do mal tempo. Será o domingo, día 19, ás 10:00 horas.
O sábado 25 de xuño celebrarase en Chapela a Bandeira Deputación, e a Liga Galega de Traiñeiras comezará oficialmente o domingo, tamén en Chapela. A primeira regata do calendario será o día 26 de xuño coa Bandeira Concello de Redondela de Traiñeiras, ás 11:30 horas. Esta temporada Amegrove terá que defender o título neste 2011 logo de sorprender a todos a pasada temporada, cando gañou con certa comodidade a Liga. Un ano máis Samertolameu de Meira será a alternativa, pero sen esquecer a Chapela, que logo da terceira praza do pasado ano, terá tamén un papel relevante esta temporada.
Clasificacións: 1.- Tirán, 19.49:43; 2.- Amegrove, 19.55:53; 3.- Chapela, 20.13:38; 4.- Cabo da Cruz, 20.22:84; 5.- Samertolaméu, 20.23:40; 6.- Vilaxoán, 20.34:57; 7.- Perillo, 20.38:44; 8.- Mecos, 20.38:99; 9.- Coruxo, 20.55:90; 10.- Ares, 20.58:29; 11.- Mugardos, 21.07:60; 12.- Poboa, 21.08:10; 13.- Esteirana, 21.32:35; 14.- Universidade Politécnica de Valencia, 23.08:41.
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará