Máis de douscentos rapaces de 6 a 15 anos participarán no Campus de Verán Fútbol Cracks 2011. A actividade, que mistura a práctica do fútbol con outros deportes e as actividades lúdicas, desenvolverase en Redondela e Arcade. Na presentación do evento o xogador do Real Madrid Castilla, Joselu, animou ós rapaces a participar neste campus para “aprender e divertirse”.
O Campus de Verán Fútbol Cracks 2011 contou cun padriño de excepción.. O futbolista do Real Madrid Castilla, Joselu, arroupou ós organizadores na presentación, celebrada este mediodía no Concello de Redondela e animou ós rapaces a participar desta actividade lúdica. O de Silleda salientou que ademais de ser un bo xeito de mellorar na técnica do fútbol, é sobre todo unha oportunidade para os máis pequenos de “divertirse e facer amigos”. O alcalde, Javier Bas, que presidiu o acto, manifestou o apoio do Concello a este tipo de actividades e agracedeu que en Redondela existan iniciativas coma esta, que unen “deporte, cultura e propostas lúdicas”. O concelleiro de Deportes, Jesús Sánchez, amosou tamén a súa satisfacción con este Campus e animou ós pais e nais a “premiar” ós seus fillos con esta actividade, unha vez rematado o curso escolar. Os participantes non só poderán mellorar as súas habilidades futbolísticas, senón que terán a oportunidade de practicar fútbol sala, natación, kayak e outras actividades lúdicas. O Campus desenvolveranse do 4 ao 9 de xullo en Redondela e do 1 ó 6 de agosto en Arcade. Orientada a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos o prezo é de 50 euros por semana, e 85 euros para aqueles que se inscriban nas dúas semanas. O horario é de 9:30 a 13:30 da mañá e as inscricións deben facerse nas oficinas de Novacaixagalicia de Redondela ou Arcade.