As 18:45 os vehículos partirán dende o parque de Bombeiro de Vigo pola N-550 ata Pontevedra, circulando á velocidade mínima permitida o que previsiblemente provocará importantes retencións na estrada. Os convocantes esixen o mantemento do tren de proximidade.
A plataforma galega polo tren de Proximidade Salva o Tren e a Asociación de Veciños de Chapela así como outros colectivos sociais convocan para esta tarde unha protesta en defensa do transporte público por ferrocarril e contra o desmantelamento de estacións como a de Chapela. A protesta consistirá nunca concentración que partirá ás 18:45 horas dende o parque de Bombeiros de Teis para circular á velocidade mínima permitida ( entre 25 e 40 km/h dependendo do tramo) pola N-550 ata Pontevedra. Unha marcha, autorizada pola subdelegación do goberno, pero que provocará de seguro importantes caravanas na estrada. O obxectivo da protesta é reivindicar o mantemento do tren de proximidade e evitar que se continúe coa retirada das vías. Actualmente xa foi retirada unha delas no centro da parroquia de Chapela e os convocantes temen que esta parroquia quede sen un servizo de tren de xeito definitivo, o que eliminará a posibilidade de realizar traxectos curtos neste medio de transporte.