Topónimos que desaparecen e son substituídos por outros, nomes que se transforman ou que presentan erros ortográficos, barrios que deixan de existir como tales, confusións de categoría viaria… esas son algunhas das “chafalladas toponímicas” que ven de denunciar o colectivo Alén Nós. Nos vindeiros días reuniranse co novo goberno para solicitarlle unha maior rigorosidade no tratamento da toponimia.
Andrés Couñago Laxe, da asociación Alén Nós, non dubida en cualificar de “chafallada toponímica” o traballo de rotulación desenvolvido dende o Concello de Redondela e que provocou o cambio dos nomes de numerosos camiños, lugares ou mesmo barrios. Unhas novas denominacións arbitrarias que levan a que topónimos e viais “aparezan rebautizados sen ningún criterio técnico, científico ou histórico”. Ilustran con fotografías como algúns topónimos desaparecen caso do “Carreiro das Canelas” que pasa a ser “Camiño Asnelle de Abaixo”, mentres que outros son transformados notablemente como por exemplo “O Aveal” que pasa a chamarse “O Avoal”. Denuncian de xeito especial o caso de Reboreda, parroquia que conta cun extenso e completo traballo de toponimia realizado por Gonzalo Navaza. Un traballo que segundo denuncia Andrés Laxe, non se tivo en conta á hora de realizar a nova sinalización na parroquia. Isto fai que se produzan cambios como “Camiño Valchamade” en lugar do orixinal “Bolchomade” ou que se modifique o topónimo “O río de San” por “O río de Xans”ou mesmo que desapareza o topónimo As Cabirtas, que fai referencia a un lugar pedregoso ou en pendende e que pasou a denominarse “Fondo do Canudo”. Os erros producen que nalgúns casos un mesmo vial teña varias denominación como é o caso da “Rúa Avda.. Mendiño”. Alén Nos e o Seminario de Estudos redondeláns amosan a súa preocupación por esta falta de rigorosidade á hora de tratar á toponimia, motivo polo que se reunirán nos vindeiros días cos novos responsables municipais para demandarlles que se corrixan os erros detectados. Lembran ademais aos veciños que esperen un par de meses antes de tomar ningunha decisión sobre os seus enderezos, xa que podería ser que continuasen os cambios nese sentido.