Equanimal cualifica de “farsa” o proceso aberto contra os once detidos a quen se lles imputa un presunto delito ecolóxico pola solta de visóns. Aseguran que as “únicas accións que desenvolven este tipo de activistas son de carácter pacífico, coa cara descuberta e dirixidas a concienciar á sociedade sobre o maltrato animal”.
Sara Lago é unha das activistas detidas nos últimos días acusada dun presunto delito ecolóxico pola solta de visóns. Esa é unha das acusacións que pesa sobre os once implicados nun proceso que dende a asociación Equanimal cualifican de “farsa” xa que o avogado dos imputados aínda non recibiu ningunha proba que os incrimine nos sucesos dos que se lles acusa. Dende a asociación Equanimal, Alba García explicaba que en ningún caso os membros do colectivo protagonizan actos de carácter violento xa que todas as accións que levan a cabo son a cara descuberta, tal e como se aprecia nos vídeos que logo emiten en Internet. Insiste en desvincular aos imputados, tanto aos tres que ingresaron en prisión como aos que quedaron libres con cargos, de ningún ataque a este tipo de granxas. Entenden que detrás destas acusacións atópase a industria peleteira que quere criminalizar a un movemento cuxo obxectivo é denunciar a través de actos pacíficos o trato que reciben os animais nas granxas. Unhas accións que si están a provocar unha cada vez maior concienciación cara ao maltrato animal.