Os propietarios do estanco de O Muro detiveron na tarde de onte a un home duns 40 anos de idade logo de que tentara fuxir do local sen abonar un pedido de tabaco por valor de 200 euros. O home foi arrestado pola Policía Nacional a trasladado á comisaría en Vigo.
Os feitos producíronse ás 19.55 horas de onte mércores, cando o estanco estaba a piques de pechar as súas portas. Un home de aproximadamente 40 anos, segundo describiu o propietario do local, entrou no estanco e pediu tabaco por valor de 200 euros. Cando se lle deu a mercancía, o home saíu correndo do establecemento pero foi detido polos propios donos do estanco antes de que puidera fuxir no seu vehículo.
Nun primeiro momento o detido alegou que ía ao coche a buscar os cartos para abonar o tabaco, pero logo comprobouse que carecía de diñeiro para facer fronte ao importe adebedado.
Pouco despois presentouse no lugar unha patrulla da Policía Nacional quen procedeu a arrestar ao delincuente, quen se desprazaba nun vehículo coas placas de matrícula manipuladas con cinta illante, feito que constitúe tamén un delito.
O propietario do estanco describiu ao delincuente de “afeccionado” xa que previamente tamén tentara a mesma operación noutro estanco de Pazos de Borbén, sen que tampouco nese intento conseguira levarse a mercancía.