O goberno local vén de publicar un bando municipal no que se insta aos propietarios de leiras que extremen as precaucións e as deixen libres de masa vexetal para evitar a propagación de incendios. Aqueles que non o cumpran terán que enfrontarse a multas de entre 300 e 6.000 euros.
O alcalde de Redondela, Javier Bas, lembra aos propietarios, que segundo a normativa aprobada pola Xunta de Galicia, están obrigados a manter as súas propiedades nas debidas condicións, que eviten situacións de risco que puideran afectar aos bens e persoas sitos nas proximidades.
As leiras deberán estar libres de masa vexetal que poida incendiarse ou propagar o lume e deben talar as árbores consideradas de risco, como eucaliptos e piñeiros, que estean situadas nas proximidades das vivendas, nunha franxa de seguridade suficiente, que evite que a súa caída ou incendio afecte ás propiedades lindeiras.
No caso de que sexa necesario para garantir o cumprimento destas medidas e garantir e protexer a seguridade de todos, imporanse multas que, están establecidas legalmente, entre os 300 e 6.000 euros.