A volta do equipo redondelán á categoría nacional non mudou a filosofía da directiva. O obxectivo do club é a permanencia, e para iso contarán cos xogadores da canteira e o adestrador Pablo Muíños. Só se incorpora un lateral procedente do Cisne pola necesidade de cubrir as saídas de Eloy e Polaco.
En pouco tempo e con escasos recursos, a SAR Plastic Omnium pasou de traballar pensando na categoría Autonómica, a facelo coa vista posta na Primeira Nacional. E é que os de Redondela, malia descender a pasada temporada, volver a militar na mesma liga ó aceptar a vacante ofrecida pola Federación de Balonmán. Con moita “satisfacción” e tamén con “présas” a directiva pechou a incorporación do equipo na categoría nacional. Pero a filosofía da entidade é a mesma: “traballar coa xente da casa”. Así define o presidente, Aurelio Krook “Lito”, o lema do club. Agora o obxectivo para a próxima liga que comeza o 25 de setembro é “a permanencia”, e para iso contan cos xogadores da canteira, e tamén cun adestrador da casa, Pablo Muíños. Tan só fixeron unha fichaxe, a do lateral Ricardo, procedente do Cisne. Unha incorporación obrigada logo das saídas de Eloy para o Balonmán Cangas e Polaco para o Cisne. Agora a SAR traballa pensando no Campionato Galego, que comeza o 20 de agosto e para o que agardan a confirmación dunha praza por parte da Federación. Logo preparan un torneo en Redondela que se vai celebrar os días 3 e 4 de setembro e no que participará tamén o Paraxe Construcións de Chapela, o La Salle de Santander e un equipo portugués aínda por confirmar.