Temen que as últimas informacións do Centro Superios de Investigacións Científicas (CSIC) sobre os elevados niveis de chumbo na enseada de San Simón repercutan nas vendas do produto. O patrón maior insiste en que toda a marcancía recollida na ría pasa por estritos controis analíticos para garantir a súa salubridade.
A preocupación esténdese entre os membros da confraría de Redondela porque saben que cando se fala de contaminación por chumbo na ría de Vigo tamén se pon en dúbida a calidade do produto extraído da Enseada. Por este motivo insisten en que toda mercancía recollida na ría pasa por uns rigorosos controis e análises que garanten que está libre de calquera metal ou substancia prexudicial para a saúde. Afirmacións coas que queren afastar do consumidor calquera temor que os leve a rexeitar un produto cuxa salubridade está asegurada. O patrón maior de Redondela, Clemente Bastos amosábase molesto porque se dea a coñecer o informe do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no que se fala de alta presenza de chumbo procedente dos residuos da fábrica de louza de Pontesa sen especificar que non hai risco para o consumidor. Insiste en que é o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) o encargado de analizar a dar o visto bo a toda a mercancía que sae da lonxa e que o fai con todas as garantías sanitarias.