A Policía Local de Redondela precintará mañá por duodécima vez catro elementos que conforman a planta de formigón de Vilar de Infesta cumprindo así unha resolución da alcaldía. Unha medida que se ten demostrado inútil, xa que os propietarios da empresa retiran os precintos e continúan a traballar con normalidade.
O precinto ordenado polo alcalde afecta a tres instalacións da fábrica e a un silo de cemento, elementos todos eles que carecen de licencia e que a cementeira puxo en marcha para aumentar a produtividade, segundo nos explicaba un veciño da zona José Manuel Crespo, quen dende hai máis de dúas décadas ven demandando que se pechen as instalacións. Insiste a familia Crespo que a xustiza deulles a razón e retiroulle a licencia a esta empresa de formigóns por entender que non debía estar instalada preto tanto de vivendas particulares como dun colexio. Porén é o Concello quen ten que facer efectiva esta resolución e obrigar aos propietario a pechar, unha execución que está en suspenso logo de que o anterior goberno así o aprobase en pleno para impedir que a empresa reclamase unha indemnización millonaria. Gretel Crespo lembra que as sáus demandas pasan porque se execute a sentencia xudicial O veciño que presentou as denuncias amósase esperanzado co cambio de goberno e confía en que o novo alcalde, Javier Bas, actúe de xeito diferente que o anterior rexedor neste asunto.