O tango e as acrobacias circenses serán as protagonistas do espectáculo que a programación das Noites máxicas dos viadutos nos ofrecen esta noite ás 22:30 horas. Mañá a proposta é teatral, coa obra “Os clocló. A arte de vivir pola cara” da compañía Lambriaca Producións.
O pavillón de deportes de Redondela acolle este venres ás 22:30 horas a actuación do Ballet Circus Estatal de Arxentina. Un espectáculo no que o público asistirá a exhibicións de tango acrobático, o bandoneón, as milongas e as danzas indias. Bailes que se fusionan con números visuais de zancudos e coreografía e que segundo destacaba o concelleiro de Cultura, Alberto Pazos, é unha das citas máis salientables da programadas dentro das Noites Máxicas dos Viadutos. O sábado a quenda será para o teatro coa compañía Lambriaca Produccións que porá en escena a obra “Os Clocló”. Unha comedia na que os actores Fran Peleteiro, Humy Donado, Julio Cela e Xosé Manoel Conde nos ensinan “a arte de vivir pola cara” sen traballar. Esta comedia converte a estes personaxes en heroes dentro dun mundo cheo de depredadores, que aproveitan a mínima para facernos a vida imposible, e dicir, sen traballo, salarios ridículos, horarios escravizantes, etc… Un argumento moi axeitado para estes tempos de crise e que se poderá ver mañá sábado na praza da Casa da Torre ás 22:30 horas.