O valor dunha propiedade en solo non urbanizable de 1000 metros cadrados en parroquias como Cabeiro ou Cedeira queda estimado nuns 125.000 euros, un prezo que estaría, segundo denuncia o PSOE, “moi por riba do valor do mercado”. Os socialistas coinciden co BNG en cualificar a medida de aprobada pola Xunta de “meramente recadatoria” e falan dunha “suba de impostos encuberta”.
A nova orde que regula os prezos dos inmobles tanto rústicos como urbanos aprobada pola Xunta a mediados de agosto, supón que os seus propietarios terán que afrontar un incremento medio dun 30% á hora de liquidar os impostos de transmisión patrimonial e sucesión. Unha denuncia que chegaba ao pleno do concello da man dunha moción presentada polo PSOE, na que se explicaba que esta ordenanza supón unha “suba encuberta de impostos”. A nova orde pola contra era defendida polo PP. De feito o popular Alberto Pazos aseguraba que esta táboa supón un procedemento moito máis obxectivo á hora de valorar as propiedades xa que os prezos recollidos responden ao valor de mercado. Por este motivo entenden innecesario derrogar a nova lei. Dende o Bloque criticaban ao PP por “non defender os intereses dos veciños de Redondela” xa que segundo explicou a voceira nacionalista Cecilia Pérez, se están a producir “revisións escandalosas” que supoñen que se aumente o valor catastral notablemente con subas medias dun 30 por cento, aínda que nalgúns casos superarían até nun 65. Para ilustrar a súa denuncia o socialista Luís Orge puña sobre a mesa algúns exemplos: propiedades non urbanizables de mil metros cadrados cuxo valor segundo a Xunta oscilarían entre os 123 e os 130.000 euros “moi por riba do prezo de mercado” Finalmente a moción, debatida no último pleno municipal, foi aprobada cos vótos a favor de PSOE, BNG e AER e os votos en contra do PP.