Carlos Corredoira, un dos traballadores en folga da empresa Urbaser en Soutomaior, foi trasladado a un centro hospitalario de Pontevedra logo de ser atropelado por un dos camións da empresa. Un “incidente” que ven complicar aínda máis a posibilidade de chegar a unha solución que poña fin a un paro que se iniciaba hai dúas semanas.
O sindicato UXT denuncia que o condutor do camión, a persoa encargada do servizo nos concellos en folga, tentou atropelar ao operario en dúas ocasións causándolle mazaduras e feridas de diversa consideración que están a ser valoradas polos servizos médicos. Unha situación que fai tensar aínda máis a corda entre traballadores e empresa logo de que na fin de semana a dirección de Urbaser despedise a tres dos operarios que están a secundar o paro na recollida, unha folga que se vive dende hai dúas semanas nos concellos de Soutomaior, Vilaboa e Pontecaldelas. Un paro que se prevé longo xa que polo de agora os responsables da empresa negáronse a abrir unha mesa de negociación de cara a asinar un convenio colectivo que recolla diferentes melloras demandadas polos operarios de Urbaser. Por este motivo, dende UXT adoptarán novas medidas para tentar achegar o problema á cidadanía e anuncian que estarán presente en todos os actos programados nos concellos en folga. Unha medida que os podería levar o vindeiro sábado ao Castelo, lugar elixido por Mariano Rajoy para iniciar o curso político e onde o lider do PP estará acompañado do presidente da Xunta Núñez Feijoo e outros cargos populares.