A motonáutica de Redondela está situada na elite mundial, logo de que David e Jose Álvarez acadasen a terceira praza na Copa do Mundo de Motonáutica disputada esta fin de semana en Vilanova i la Geltrú, Barcelona.
David e Jose Álvarez, piloto e copiloto da A.D.C. Rande, suman novos triunfos ó seu palmarés. Esta pasada fin de semana acadaron tamén a terceira praza na Copa do Mundo de Motonáutica PR 550, e a mesma posición no podio ocuparon tamén no Campionato de España disputado tamén nas mesmas datas. Os deportistas redondeláns amosáronse moi satisfeitos co resultado, a pesares de que durante a proba tiveron importantes problemas mecánicos, ao romperlles unha peza importante do motor. O equipo redondelán conseguiu resolver o problema e rematar a proba, aínda que recoñecen que de non darse este imprevisto, o resultado podería ter sido mellor. Xa contan no seu palmarés con importantes éxitos, como varios Campionatos Galegos e o primeiro posto no Campionato do Mundo en modalidade de Resistencia. Para adestrarse para estas duras probas David explica que practican nas augas da ría de Vigo, con base en Chapela. Para poder participar nesta proba contaron este ano coa colaboración do Concello, e tamén co apoio da Asociación Deportiva Cultural de Rande.