A Concellaría de Deporte de Soutomaior ten aberto o prazo de inscrición para anotarse nas Escolas Deportivas deste curso 2011-2012, con actividades para todos os gustos: natación, tenis, fútbol sala, ou patinaxe, entre outras. A matrícula está aberta ata o 23 de setembro.
O curso arranca en Soutomaior cunha ampla oferta de actividades dentro do programa das Escolas Deportivas. Hai alternativas para todos, como a natación, tenis infantil, liga local de fútbol sala, tenis e pádel, patinaxe, actividade física para adultos, baile moderno e salón, iniciación ao deporte e ximnasia rítmica. O prazo de inscrición iniciouse o día 12 de setembro e finalizará o 23 do mesmo mes. Para os interesados en participar e que estean empadroados en Soutomaior, o custo da inscrición é máis económico, ademais de ter preferencia sobre os demais solicitantes. Todos os participantes disporán dun seguro médico de accidentes deportivos. As cotas serán mensuais, excepto Iniciación ao Deporte, e a Escola de Patinaxe, o pago farase de forma bimestral nas entidades bancarias previstas polo Concello. Así mesmo, as actividades contarán con monitores titulados. As Escolas Deportivas Municipais comezarán en outubro e quedarán clausuradas o 31 de maio. Colaboran con esta actividade a Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.