Neste curso a Consellería determinou que o centro de Nespereira é unha Escola Unitaria, polo que contan cunha única mestra para todos os alumnos de 3 a 5 anos. Os pais reclaman que lle asigne, cando menos, outro docente de apoio durante unhas horas á semana para poder mellorar a calidade do ensino.
Un ano máis, os pais e nais da Escola Infantil da Galeriña, en Nespereira, comezan o curso escolar con protestas reclamando máis recursos para os alumnos. Como xa sucedera en cursos pasados, teñen asignada unha única mestra para atender aos seus 15 alumnos, nenos e nenas de entre 3 e 5 anos. A docente, ademais, ten que facerse cargo tamén de tarefas administrativas, polo que a calidade do ensino reséntese. O presidente da ANPA, Xulio Fortes, explica que ao ser a única traballadora no centro, as condicións de seguridade non son as óptimas, e “ante calquera indisposición da mestra os alumnos quedarían desatendidos”. En cursos anteriores, logo das protestas, os pais conseguiron que se asignara máis profesorado ou se cubriran horas con mestres de apoio. Este ano a única resposta da Consellería de Educación é que ó contar con menos de 20 alumnos por lei só lles corresponde un docente. Os recortes por mor da crise económica son a xustificación da administración para non dotar de máis recursos humanos ó centro. Ante esta problemática, o BNG de Pazos de Borbén e a parlamentaria nacionalista, Carme Adán, reuníronse coas familias afectadas. Nesta xuntanza o BNG mostroulles o seu total apoio, e Carme Adán levara as súas reivindicacións ao Parlamento galego. Pola súa parte, o Grupo Municipal do BNG vai solicita ao Pleno do Concello o seu apoio a estas demandas, así como insta ao goberno municipal a que se dirixa a Consellería de Educación reclamando que se atendan as peticións da ANPA.