Logo de descender a Segunda Autonómica o obxectivo do club é conformar o equipo con xogadores da casa. É un conxunto moi novo, cunha media de idade de 20 anos, e do que forman parte varios futbolistas procedentes do xuvenil. O novo adestrador, Jonathan Álvarez, coñéceos ben, xa que é tamén o técnico da categoría xuvenil.
O C.D Arcade comeza unha nova etapa na Segunda Autonómica logo do descenso sufrido a pasada temporada. Unha etapa que lle vai servir para reforzar a súa canteira e levar ó primeiro equipo a xogadores “da casa”, tal como explica o secretario da entidade, Javier Martínez. O equipo leva catro xornadas de liga e está situado na metade da táboa, logo de colleitar dúas vitorias, un empate e unha derrota. Un balance “positivo” para a directiva, aínda que lamentan o resultado da pasada xornada co Bahía, cando o rival empatou nos últimos suspiros do encontro con polémica arbitral incluída. Con todo os resultados son bos, sobre todo tendo en conta que se trata dun equipo “moi novo”, ao que subiron varios xogadores procedentes do xuvenil. A temporada comezou cunha liga “moi igualada”, na que son moitos os equipos que están apertados nunha escasa marxe de puntos. O obxectivo do Arcade é poder rematar a competición “entre os cinco primeiros” e consolidar a categoría, para poder dar o salto a Primeira “a curto prazo”. O próxima partido será no campo de A Lama, e o club Arcade confía en acadar un resultado positivo. Sobre o papel son favoritos, xa que os locais só sumaron un punto nas catro xornadas que levamos de liga. Deporte Base A directiva do C.D. Arcade traballa agora en dar un pulo as súas categorías inferiores, nas que contan xa con máis dun cento de rapaces nas categorías de prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, ademais dun equipo feminino. Unha labor social da que se amosan “moi satisfeitos” e que permite aos máis pequenos achegarse a unha práctica deportiva e saudable.