A nova presidenta do Fondo galego para a Cooperación e a Solidariedade, a concelleira de Serivzo Sociais de Redondela Teresa París, espera continuar na liña do seu antecesor no posto, para o cal considera imprescindible manter a colaboración dos máis de cen concellos de toda Galicia que a día de hoxe están implicados nos proxectos.
Tempos difíciles para a cooperación e as axudas ao desenvolvemento. Algo que saben ben os traballadores das ONG’s pero do que tamén son conscientes no Fondo Galego para a Cooperación e a solidariedade, un organismo que ten as súas peculiaridades propias pero que arrastra tamén o risco de ver mermada a súa capacidade de actuación debido a crise económica. O Fondo Galego mantén coas organizacións non gubernamentais moitas semellanzas nos seus obxectivos pero tamén diferencias importantes en canto ao seu financiamento. Así, a economía deste Fondo depende das achegas que aportan os máis de cen concellos asociados, as como subvencións procedentes das deputacións e a propia Xunta. Achegas pequenas pero que sumadas permiten financiar proxectos de cooperación en países de todo o mundo. Os lugares de actuación adoitan elixirse por afinidades culturais e idiomáticas aínda que tamén actúan con axudas puntuais en situacións de crise, como a vivida en Haití logo do tremor de terra do ano 2010. Un dos obxectivos que se marca de cara ao futuro a nova presidenta do organismo, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Redondela, Teresa París pasa por sumar esforzos e non restar colaboración, porque é consciente de que a situación económica que afecta de cheo a moitas arcas municipais podería pasar factura a este organismo de cooperación.