PP, BNG e FPG celebraron na fin de semana citas diversas de marcado carácter electoral a pouco máis dun mes da cita de novembro. Os populares celebraron no Multiusos o VIII congreso local da súa agrupación, no centro cultural de Reboreda celebrouse a VI congreso da FPG e en Chapela a candidata do BNG, Olaia Fernández repartiu material informativo entre os veciños aproveitando a celebración da feira.
Non houbo sorpresas no VIII Congreso Local que o PP celebrou o sábado no Multiusos da xunqueira e onde os afiliados elixiron a Javier Bas como novo presidente da formación, logo de ser a única candidatura que se presentara. Un acto no que Bas contou co apoio do conselleiro de industria Javier Guerra e o líder provincial do PP Rafael Louzán.
Na mesma xornada o BNG aproveitaba a celebración da feira en Chapela para achegarse a esta parroquia a repartir información sobre “a necesidade de que os galego conten con representantes do Bloque en Madrid logo do 20N”. E foi a candidata ao congreso por Pontevedra do BNG, Olaia Fernández a encargada de trasladar esta información aos veciños da parroquia ademais de debater con algúns deles sobre a necesidade de que “as políticas económicas dean un xiro á esquerda”.
Na xornada de onte o Centro cultural de Reboreda acollía a celebración do VI congreso da formación política Fronte Popular Galega baixo o lema “Fronte a crise: alternativa comunista”. No encontro elixiuse a dirección do partido de cara os próximo catro anos, con presencia de tres veciños de Redondela.