Houbo que agardar ata os minutos finais para ver o triunfo dos redondeláns sobre o Ourense B, nun encontro con dúas partes ben diferentes, e que rematou cun 4-2 a favor do Choco. Os tres puntos dánlle o liderado ós de Jacobo Montes logo dun partido no que o terreo de xogo, case anegado, foi tamén protagonista. Na Primeira Autonómica o Chapela firmou un empate no campo do R.Vilariño.
Preferente Autonómica
Choco 4-2 Ourense B
O Choco fíxose con tres puntos nun encontro irregular. A gran cantidade de auga que caeu no campo de Santa Mariña nas horas previas ó partido provocou que o terreo de xogo estivese case anegado, o que dificultou o xogo. Chegado o descanso semellaba que os de Jacobo Montes tiñan o partido controlado, cunha vantaxe de 2-0 grazas ós dous goles de Javi. Pero ó comezo na segunda metade o filial do Ourense meteu presión en Santa Mariña cun gol de Lamelas, de penalti, no minuto 49. E a piques de rematar o encontro, no minuto 86, outro gol de penalti que transformou Ismael poñía o empate no marcador. Pero os de Jacobo Montes souberon reaccionar á tempo con dous goles máis nos últimos suspiros do partido. Saúl e Caloi anotaron cadanseu tanto nos minutos 88 e 89 respectivamente. Deste xeito o Choco mantense invicto no seu campo e suma tres puntos que os levan ó liderado do grupo. A próxima xornada xogan no campo do Atios, da metade da táboa.
Primeira Autonómica
R.Vilariño 1-1 Chapela
Adiantouse o Chapela no partido xogado no campo do Vilariño, pero os locais igualaron o encontro, e mesmo estiveron a piques de facerse cos tres puntos, pero erraron un penalti no último minuto. O domingo reciben ó R.Bahía, terceiro do grupo.
Segunda Autonómica
Arcade 1-3 Atl.Cuntis
Os de Soutomaior non puideron co Atl.Cuntis, que se amosou máis eficaz de cara ó gol. Quedan así empatados a puntos na metade baixa da clasificación. A próxima xornada o Arcade xoga no campo do Noalla, da parte alta da táboa.
Terceira Autonómica
Chapela B 2-1 At.Matamá
O Chapela B escala ata a metade da táboa logo do triunfo sobre os vigueses, e a próxima xornada xogan no campo do Moledo, co que están empatados a puntos.
Choco B-Balaídos aprazado
Non se puido disputar o encontro xa que o campo de fútbol de Santa Mariña esta impracticable por mor das intensas chuvias. Antes xogárase o encontro da Preferente Autonómica, pero ás 19.00 horas o estado do terreo non fixo posible disputar o partido. A próxima xornada xogarán no campo do Atl.Matamá.
At. Vilar 2-0 Santa Eulalia
Os redondeláns foron moi superiores ó rival, que segue na parte baixa da clasificación, mentres o Vilar escala á 7ª praza. A próxima xornada reciben ó líder, o Chaín.
Nespereira 4-1 C.Areas
Os de Pazos gañaron por goleada diante dun rival que foi moi inferior. Os tres puntos leva ó Nespereira á 6ª praza do grupo, e o domingo xogarán no campo do Castelo.
Cesantes 1-0 Moaña B
Vitoria pola mínima para os redondeláns, que os deixa na metade da táboa. O domingo xogan no campo do Caroi.
Soutomaior 1-1 Bueu
Reparto de puntos nun partido duro e con moita rivalidade. Adiantouse o Bueu, pero os locais conseguiron empatar e aguantar o resultado con moitos esforzos, xa que acabaron o encontro cun home menos pola expulsión dun xogador por vermella directa. O empate permítelle manter o liderado, e a próxima xornada xogan no campo do Pontecaldelas, terceiro do grupo.
Futbol Sala Autonómica Sur
Redondela F.S. 5-3 Caf.Luar
Os de Manoliño conseguiron por fin unha vitoria que os afasta dos postos baixos da clasificación. Un encontro de moita rivalidade no que finalmente os redondeláns amosáronse máis efectivos de cara á portería contraria. O próxima sábado volven xogar na casa, reciben ó Mondariz, situado na metade da táboa.