As parroquias de Quintela, Saxamonde e Cesantes e a contorna da Fonte do Mouro víronse afectadas na xornada de onte polas fortes precipitacións que arrastraron lodo e pedras procedentes das obras do tren de alta velocidade. Na rúa Ribeira e Xeneral Rubín varios baixos víronse anegados a media tarde, sendo precisa a intervención de Protección Civil e Policía Local.
As esperadas precipitacións de outono chegaron tal e como estaba anunciado na xornada de onte e fixérono ademais acompañadas de forte rachas de vento que chegaron a acadar, nalgúns puntos da costa, os 120 quilómetros hora.
En Redondela foi precisa a intervención de Protección Civil e Policía Local logo de que unha vez máis se anegaran os baixos da rúa Ribeira e Xeneral Rubín, onde a media tarde a estrada estaba completamente cuberta de auga que atopaba o seu escape nalgunhas das vivendas anexas. O mesmo acontecía tanto na praza de Santiago como na praza da Constitución así como no Campo da Feira.
Os veciños de Fonte do Mouro e a rúa Castelao sufrían tamén os efectos do tempo das últimas horas, cunha riada de lodo e pedras procedente das obras do AVE que eran arrastradas polas fortes precipitacións, efectos que tamén se sentiron noutros puntos do municipio como Quintela, no barrio de Casal do Monte en Saxamonde ou en Torre Agrelo en Cesantes, segundo información da Policía Local