O curso, que se vai desenvolver dende o martes 25 ao luns 7 de novembro en horario de 18:00 a 22:00 horas no Pazo de Pousadouro, está orientado a desempregados e busca servir de apoio a aquelas persoas que ven no rural un espacio no que crear o seu propio posto de traballo.
Concellos como o de Redondela cunha parte importante da poboación vivindo en zonas rurais, convertéronse nas últimas décadas en territorios que viven en gran medida de costas aos recursos propios da terra. Unha poboación moza que adoita buscar emprego en Vigo e que, maioritariamente, ten abandonado as actividades agrícolas que conformaban unha parte importante da economía dos seus pais e avós. Con todo, a situación de desemprego e crise como a que estamos a vivir fai que unha parte desa poboación volva mirar cara as leiras como unha oportunidade de autoemprego. Conscientes desa realidade o Sindicato labrego Galego ofrécelle aos desempregados a oportunidade de achegarse formativamente a actividades que poderían converterse nunha saída laboral. Durante esta semana os participantes achegaranse a actividades tales como a apicultura, a elaboración artesanal de viños ou o cultivo de plantas medicinais. Son estes algúns dos contidos do curso que arranca este martes no Pazo de Pousadouro. Na vindeira semana o curso centrarase na elaboración de marmeladas e conservas vexetais, a elaboración de queixos e a extracción de sementes. As persoas interesadas débense inscribir no teléfono 986 641508 ou no enderezo baixominhoindicatolabrego.com