As inundacións das rúas do centro da vila obrigan a cortar o tráfico e a riada de lodo e pedras procedente das obras do AVE anegan diferentes puntos do concello chegando á N-550 á altura do “scalextric”. Un corremento de terras derrubou a cuberta dunha nave na zona de A Portela e en Chapela unha fochanca na rúa Suso Vaamonde obrigou a pechala ao tráfico. Un regueiro de incidencias que superou o medio cento segundo información da Policía Local.
Chove sobre mollado. Logo de que o domingo numerosos baixos e locais comerciais se viran anegados polas choivas onte a situación repetíase tanto no centro da vila como nas parroquias. Un local da praza de Santiago optou por comprar unha bomba de achique para tentar minimizar os efectos da auga que puña en perigo o negocio. A situación repetíase na contorna das rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín, onde se pechou o tráfico entre as 16:30 e as 19:00 horas debido á bolsa de auga que se acumulou ao coincidir a tromba de auga coa preamar.
Tamén na rúa Ernestina Otero varios baixos e garaxes se anegaron e formou unha enorme bolsa de auga debaixo do scalextric que impedía o paso dos vehículos.
Uns condutores que tamén se enfrontaron ás retencións na N.-550, unha estrada que novamente sufriu a riada de lodo e pedras procedente das obras do AVE. As zonas máis afectadas, tal e como xa acontecera o pasado domingo, foron a zona de Fonte do Mouro e Castéao e a propia estrada entre Redondela e Pontevedra á altura de Santa Mariña.
As riadas de lodo afectaron tamén aos barrio de O Coto en Cesantes e Casal do Monte en Saxamonde. En Reboreda o desbordamento do Alvedosa afectou a unha zona próxima ás vivendas.
En Chapela houbo problemas na rúa Suso Vaamonde, que foi pechada por mor dunha fochanca que impedía o paso dos vehículos.
Derrube en Cedeira
Tamén as fortes precipitacións provocaron o derrubamento da cuberta dunha nave na zona da Portela. O tellado da nave industrial de Manufacturas Metálicas Ikalder, instalada xunto á estación do ferrocarril no número 10 da baixada a Estación, quedou gravemente danada logo de que un corremento de terras provocara o derrubamento do seu tellado.