A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares e o alcalde Javier Bas presentaron na mañá de hoxe en Chapela o programa da Consellería de Sanidade “Almorzos Saudables”. Este programa forma parte das actividades de promoción da saúde e ofértase a todos os centros escolares da provincia, co obxectivo de fomentar o hábito do almorzo e a alimentación saudable e mellorar a saúde bucodental no alumnado.
O programa, qu arrancaba hoxe no CEIP de Laredo en Chapela consta de dúas xornadas e está dirixida ao alumnado dos ciclos educativos de Infantil e primaria. Consiste na realización dunhas charlas formativas, que se complementan coa elaboración e degustación de almorzos saudables, xunto cun recordatorio da hixiene bucodental co correspondente cepillado de dentes. No día de hoxe foron máis dunha trintena de nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Primaria os que gozaron desta actividade.
A través da mellora do hábito do almorzo, este programa persigue incluír na alimentación produtos con todo tipo de nutrientes e potenciar unha oferta variada de alimentos, así como ofrecer cantidades axeitadas de alimentos. Tamén se promoven aspectos relacionados co comensalismo, a tendencia gastronómica de comer con compañía, a charla e o goce da comida. Así mesmo, este programa pretende motivar ao alumnado cara ao seu coidado persoal.