Souberon aproveitar a súa ocasión e levaron os tres puntos do Campo de A Lagoa. Os de Jacobo Montes gañaron por 0-1 e frearon a boa racha do Mondariz, que fixo méritos para acadar un resultado positivo. Na Primeira Autonómica o Chapela impúxose pola mínima ó San Adrián, que perdeu o liderado. O derbi de Terceira Autonómica Chapela-Choco saldouse cun 0-2 a favor dos redondeláns.
Preferente Autonómica
Mondariz 0-1 Choco
O Choco fixo o seu xogo e soubo aproveitar as ocasións diante do Mondariz. Os de Jacobo Montes sumaron tres importantes puntos que os manteñen como líderes da categoría. E iso que os locais dominaron boa parte do encontro, con lanzamentos de Zurdo, Hugo Tei e Jonás, pero que non atoparon portería. Os redondeláns fixeron o seu xogo, cunha defensa ben plantada, e tentando adiantarse ao con balóns ao lonxe. No comezo da segunda metade comezaron do mesmo xeito, con dúas intervencións de Cortegoso que salvaron ó Choco. E no minuto 52 chegou o gol redondelán cunha fermosa xogada, obra de José Carlos. Logo o Mondariz buscou o empate, pero os seus dianteiros non acertaron coa portería de Cortegoso. E desde o máis alto da táboa o Choco recibe o domingo ó Portonovo, outro dos equipos da parte alta da táboa, situado na 4ª praza.
Primeira Autonómica
Chapela 1-0 San Adrián
Non se viu moito fútbol no encontro de Chapela, pero os locais souberon facerse cos tres puntos ó aproveitar un rexeite na área que o porteiro visitante non puido atallar. O San Adrián, que chegara a Chapela como líder do grupo, rematou cun home menos ó ser expulsado Chus a falta de conco minutos para o final. A vitoria sérvelle ó Chapela para saír da parte baixa da táboa. A próxima xornada xogan no campo do Marcón Atl., dous postos por baixo dos redondeláns.
Segunda Autonómica
Catoira 2-0 Arcade
O Arcade non levanta cabeza e complica a súa situación na táboa logo da derrota no campo do Catoira, rival tamén moi necesitados de puntos. O próximo domingo os de Soutomaior reciben ó Campolameiro, situado tamén na metade baixa da táboa.
Terceira Autonómica
Chapela B 0-2 Choco B
Interesante derbi local non que se impuxo a superioridade do Choco, que cos tres puntos escala ata a 7ª praza da táboa. A derrota deixa ó Chapela dous postos por baixo. A próxima xornada xogaranse o Choco-Nigrán e o Coia-Chapela, cos catro equipos encadrados na metade da táboa.
At. Vilar 0-1 Tyde
O Vilar non puido cun dos equipos fortes do grupo, o Tyde, que gañou en Redondela pola mínima. Na próxima xornada o Vilar, na 8ª praza do grupo, viaxará ó campo do Gondomar, 4º clasificado.
Praderrei 2-0 Cesantes
O Praderrei, da parte alta da táboa, foi superior ó Cesantes, que non contou con ocasións claras para tentar o empate. Os redondeláns, 9º, recibirán o próximo domingo ó Santomé.
Soutomaior 7-0 Presqueiras
Os de Soutomaior non tiveron compaixón cun feble rival, o Presqueiras, pechacancelas do grupo. O Soutomaior anotou a maior goleada da xornada cun 7-0. Na próxima xornada xogan no campo do Cruceiro B.
Nespereira 3-1 Xinzo
Os de Pazos foron quen de superar a un duro rival, o Xinzo. Os tres puntos permiten ó Nespereira escalar posicións, ata a 5ª praza do grupo. O próximo domingo xogan no campo do Barciademera.
Futbol Sala Autonómica Sur
Redondela F.S. 5-4 San Martiño
Os de Manoliño conseguiron impoñerse ó San Martiño nun encontro moi disputado e cun apertado marcador de 5-4. A próxima fin de semana o Redondela F.S. visita a pista do Baitra Baiona.