O colectivo, que se ten mobilizado en contra da ampliación da autoestrada en numerosas ocasións polos prexuízos que provocaría na parroquia de Chapela e por considerar que en ningún caso solucionaría os problemas de tráfico na entrada a Vigo, lembra que en todos os comicios electorais celebrados nos últimos anos se escoitaron compromisos semellantes por parte dos representantes do PSOE
O proxecto de ampliación da autoestrada en Rande volveu acadar protagonismo nas últimas horas logo de que o ministro José Blanco anunciase nun mitin de campaña celebrado en Vigo, que o último consello de Ministros que se vai celebrar este venres día 18 vai aprobar a autorización para licitar a obra. Unha promesa que os membros da Asociación contra a ampliación da AP-9 de Chapela ven pouco crible, acostumados como están a que esta actuación forme parte dos compromisos que o PSOE asume en todas as campañas electorais. De feito, tal e como lembraba Roberto Villar, promesas semellantes escoitáronse tanto nas últimas eleccións municipais como nas autonómicas. Lembran ademais que a día de hoxe non hai cartos para asumir esta obra, xa que asumir a ampliación de Rande precisaría dun investimento de preto de 200 millóns de euros. A Asociación de Afectados celebrar o sábado 26 de novembro unha Asemblea aberta na que se renovará a directiva e se informará aos asistentes de todos os pasos dados polo colectivo veciñal, que continúa pendente da resolución do contencioso administrativo que teñen aberto na Audiencia nacional para reclamar que o proxecto da ampliación sexa sometido a estudo de impacto ambiental. Polo de agora non teñen previsto retomar as mobilizacións aínda que non as desbotan á espera do que aconteza no Consello de Ministros do venres, último que presidirá o goberno de Zapatero antes do 20-N. O compromiso de Blanco de licitar esta infraestrutura nos vindeiros días foi acollido tamén con escepticismo por parte do PP. Esta mesma mañá a candidata dos populares por Pontevedra, Ana Pastor, aseguraba que a ampliación da ponte de Rande “é agora máis papel mollado que nunca”.