A pintora e viñetista amosa a súa obra por partida dobre en Redondela. No multiusos da Xunqueira podemos ver unha escolma dos seus cadros, mentres que algunhas das súa viñetas continúan percorrendo o municipio dentro da mostra colectiva Humor gráfico galego, que durante todo o mes de novembro se pode visitar no Centro cultural de Vilar.
A exposición “Paisaxe cotiá” está integrada por unha veintena de acrílicos que conforman o universo máis persoal da autora. Arias recolle nos seus cadros anacos da súa paisaxe cotiá como un anaco de andel coas lecturas e toda unha vida, libros sobre a mesa, unha nena mirando a tele, a taza do almorzo… todos eles cadros que recollen esas imaxes que vemos a cotío. Completa a mostra unha serie de obxectos a partir dos cales a autora elabora eses retratos da monotonía diaria. A exposición poderá visitarse ata o 15 de novembro no Multiusos da Xunqueira. Unha artista que participa tamén estes días doutra mostra que se pode visitar no Centro Cultural de Vilar. Unha mostra de reproduccións a gran formato de viñetas das principais figuras do humor gráfico galego onde Sabela Arias comparte espazo con outros humoristas gráficos tales como Quesada, Gogue, Javier Aguilera, Luís Davila, Kiko Dasilva Pepe Carreiros e O Carrabouxo. Unha mostra itinerante que durante o mes de novembro se pode visitar en Vilar.