As novidades en materia sanitaria que implanta a Xunta, como as sancións por un uso irregular dos servizos, son cuestionadas polos cidadáns. Entenden que debe haber “máis control” no uso fraudulento das tarxetas de pensionistas, ou dos estranxeiros que veñen a operarse a Galicia. Pero rexeitan outras medidas, como o recorte da asistencia sanitaria ós parados de longa duración e xente sen recursos.
As medidas adoptadas pola Xunta de Galicia en materia de Sanidade veñen de ser duramente criticadas polos grupos da oposición, PSdeG e BNG, que denuncian que se deixa fóra da prestación a persoas sen recursos e a parados de longa duración. Este será tema de debate no próximo pleno do Parlamento Galego. A orde establece que as persoas sen recursos, que se denominan PSR, só terán dereito á asistencia sanitaria de urxencias. A Consellería de Pilar Farjas xa advertiu que tomarán medidas contra o “uso irregular” da sanidade, e apelan á responsabilidade dos cidadáns para facer un bo uso do Sergas. Apuntan cuestións como o uso fraudulento de tarxetas sanitarias de pensionistas para acceder de balde aos medicamentos. A posibilidade de cargar ao usuario o custo dunha visita médica programada á que non acode sen cancelala previamente, non figura entre as prioridades da norma, segundo asegurou a Consellería. Os veciños entenden que é preciso facer un uso “responsable” da sanidade. Algúns como Miguel ou Chelo, non entenden que os usuarios non chamen para anular unha cita cando non van acudir, e nos casos de recoller medicamentos con tarxeta de pensionista para outros usuarios, cualifica o feito como unha “estafa” que se debe controlar. Outro dos cambios da Xunta é a obrigatoriedade de levar empadroado un mínimo de seis meses nalgún Concello galego para poder obter a tarxeta sanitaria. Unha medida que comprenden os veciños pola necesidade de evitar que os estranxeiros fagan un uso fraudulento da sanidade pública. Ana, que ten compañeiros de traballo portugueses, advirte que en moitos casos levan para Portugal medicamentos con receitas do Sergas para persoas que non son beneficiarias. Para Manolo é obvio que en tempos de crise é necesario reducir gastos, pero entende que debería facerse dun xeito máis racional. Este veciño propón “fomentar o uso dos xenéricos” e controlar máis os fraudes, e “non deixar sen cobertura ós parados” e xente sen recursos.