O servicio quedou completamente restablecido ás oito da tarde. A avaría, que afectou a uns dous mil veciños, debeuse a unha rotura na conducción xeral no entorno do pavillón de deportes. O incidente produciuse no mediodía de onte.
Unha rotura na rede de abastecemento deixou onte sen subministro de auga aos veciños de Chapela durante oito horas. A incidencia afectou a boa parte da parroquia dende as doce do mediodía ata ben entrada a tarde. Os primeiros avisos recibíronse sobre as doce do mediodía e segundo explicaron dende a empresa concesionaria do servizo Aqualia, o corte debeuse a unha rotura na conducción xeral no entorno do pavillón de deportes onde se están a desenvolver obras no firme.
O subministro foise recuperando paulatinamente aínda que as vivendas da zona alta da parroquia non recuperaron a normalidade ata as oito da tarde. Segundo informaron fontes municipais o corte podería ter afectado a unha cuarta parte da poboación da parroquia, ao redor de 2.000 persoas.