Dende a pasada fin de semana un cordón de protección obriga aos viandantes a dar un pequeno rodeo ao edificio número 27 da céntrica rúa Alfonso XII. O motivo é evitar que se produza algún incidente logo de que na noite do domingo se precipitaran ao chan cascallos procedentes da fachada do inmoble.
Os feitos producíronse sobre as nove da noite do domingo segundo información da Policía Local, quen foron alertados de que se produciran pequenos desprendementos dunha das fiestras do edificio. Unha vez lugar, os axentes comprobaron que se trataba de restos de cemento e ladrillos que se desprenderan dunha das fiestras do segundo andar. Por motivos de seguridade procedeuse a acordoar o inmoble.
Os propietarios do edificio puxéronse xa en contacto cos servizos de Urbanismo do Concello e comprometéronse a comprobar o estado do resto da fachada e arranxar aqueles elementos que non se atopen en bo estado para evitar novos desprendementos do futuro. Á espera de que se realice o arranxo manterase o cordón de seguridade que impide aos viandantes achegarse ao inmoble.