Levan seis xornadas sen puntuar, e o Club Deportivo Arcade apela ó traballo duro para poder sumar un resultado positivo no Salgueirón este domingo, onde recibirán ó Beluso. O adestrador, Jonathan Álvarez, recoñece que os malos resultados nesta liga “son peores do que cabía esperar”. Con todo confía en que co traballo de todos “salvarán a categoría”, malia que se trata dun equipo moi novo ó que lle falta “veteranía”.
Logo do descenso Segunda Autonómica o Club Deportivo Arcade optou por conformar o equipo con xogadores da casa. Trátase dun conxunto moi novo, cunha media de idade de 20 anos, e do que forman parte varios futbolistas procedentes do xuvenil. O adestrador, Jonathan Álvarez, recoñece que no club eran conscientes de que o reto de consolidar o equipo na categoría era “difícil”, pero o certo é que os resultados están a ser “peor do previsto”. Con todo, confía en acadar a permanencia “co traballo de todos”. Logo de once xornadas o equipo suma dúas vitorias, un empate e oito derrotas, pero agarda mellorar resultados cando os xogadores vaian gañando en veteranía. O resultado goleador do conxunto é positivo, con 13 dianas en 11 partidos, o lado negativo é que son un dos equipos que máis goles encaixa, un total de 29. E a sorte tampouco está a acompañar ó Arcade, que no último partido diante do do C.Pontevedra deixou escapar un punto ó perder por un gol de penalti no minuto 95. A liga é moi longa e no club confían en mellorar os seus resultados. O obxectivo inmediato é o Beluso, co que xogan o domingo no campo do Salgueirón. Un rival “complicado”, segundo Jonathan, con xogadores veteranos e que aspira ó ascenso, pero en Arcade confían en sacar un resultado positivo.