A empresa construtora accedeu a rebaixar nun 30% o importe que reclamaba nun primeiro momento e que ascendía a 303.776 euros. As xestións realizadas por parte do goberno local permiten recepcionar as instalacións do Centro de deportes acuáticos de Chapela pero agora ábrese outro proceso que persigue a apertura das instalacións, aínda pechadas cando se cumpren xa seis meses dende que acabaran as obras.
Os grupos políticos que forman parte da corporación foron informados onte do acordo nunha comisión informativa sobre a piscina de Chapela, na que tamén participaron técnicos municipais que viñan negociando coa empresa para tentar unha diminución da débeda reclamada. De feito, o achegamento era patente algo que levara ao concelleiro Miguel Angel Álvarez a asegurar que a recepción da piscina quedaría resolta antes de concluír o mes de novembro. Iso si, agora aínda queda pendente dotar as instalacións tanto de auga como de subministro eléctrico, unhas carencias que están a afectar de cheo aos deportistas do club de remo de Chapela, que actualmente están empregando como “vestiarios provisionais” unhas casetas de obra á espera de que se lles permita usar as súas novas instalacións, nos baixos do Centro de Deportes.
Tamén está pendente redactar as bases do novo concurso de concesión da piscina, cuxas pretensións deben ser rebaixadas logo de que o concurso anterior quedara deserto.