O equipo de Jacobo Montes volveu manter o seu fortín en Santa Mariña, onde onte gañou ó Pontevedra B por 1-0. Un único gol, en tempo de desconto, serviu ós redondeláns para manter o liderado e seguir gozando do “bo momento” que atravesa o equipo, en palabras de Jacobo Montes. No resto de categorías, en xeral os resultados foron tamén positivos para os equipos locais.
Preferente Autonómica Choco 1- 0 Pontevedra B O dominio do equipo redondelán foi total, sobre todo na segunda metade, pero unha defensa moi ben plantada por parte do Pontevedra B non deixaba ocasións claras ós de Jacobo Montes. Non foi ata o tempo de desconto cando chegou o gol. No minuto 93, logo dunha internada de Yeray, que buscou o centro atrás para Aitor, que recortou ó central e bateu a Sergio Ríos. Deste xeito o Choco segue a contar todos os seus partidos en Santa Mariña como vitorias, aínda que xa non se producen as goleadas das primeiras xornadas. Algo que “era de agardar”, segundo explica o adestrador, xa que os rivais chegan ó campo redondelán “á defensiva”, e marcando ós xogadores máis importantes do Choco, como aconteceu co Pontevedra B. Con todo, o importante seguen a ser as vitorias, e o equipo está a vivir “un bo momento” como líder da clasificación. Pero Montes é prudente, asegura que teñen “os pés na terra” e que por agora o seu único obxectivo é garantir a permanencia “canto antes”. Queren ir “paso a paso”, e o seu próximo rival é o Cruceiro de Hío. Xogan no Morrazo, e o que máis preocupa a Jacobo Montes é o terreo de xogo, cunhas dimensións “moi reducidas”, o que podería obrigar a introducir algún cambio na estratexia de xogo do Choco. Primeira Autonómica Chapela-Salvaterra- Aprazado. O encontro previsto para onte suspendeuse por mor da tráxica noticia da morte dun dos xogadores do Salvaterra en accidente de tráfico. A próxima xornada os redondeláns xogan no campo do Porriño Industrial. Segunda Autonómica Arcade 1-1 Beluso Logo de seis xornadas sen puntuar, o Club Deportivo Arcade sumou un punto no Salgueirón diante do Beluso. Na próxima xornada xogan no campo do Caldas, equipo da parte alta da táboa. Terceira Autonómica Teis 1-1 Choco B Reparto de puntos en Teis, que deixa ó Choco na parte alta da táboa. Os locais adiantáronse na primeira metade, pero o filial do Choco refíxose e conseguiu empatar na segunda parte.. O Teis sufriu unha expulsións e os redondeláns mesmo estiveron a piques de anotar o tanto da vitoria. O próximo domingo teñen un partido moi difícil, reciben en Redondela ó S.Esteban, o líder do seu grupo, que ven de perder co Chapela. S.Esteban 2-3 Chapela B O Chapela deu a sorpresa na xornada ligueira de onte plantándolle cara ó líder, ó que gañou a domicilio. O domingo o Chapela recibe ó Pereiró, co que están moi igualados. Os vigueses adiantan ó Chapela B en tan só un punto. Miño 2-0 At. Vilar Os redondeláns non puideron co Miño, un dos equipos fortes do grupo, polo que o Vilar segue en postos baixos da táboa. O domingo reciben ó Sanguiñeda, que tamén está moi necesitado de puntos, Os de Mos adiantan ós de Redondela nun punto. Cesantes 4-2 Pontecaldelas O Cesantes colleitou un resultado mellor do que se agardaba, goleando a un dos equipos fortes do seu grupo, o Pontecaldelas. O resultado déixaos na 9ª posición da táboa, e xa preparan o encontro do próximo domingo, no que se medirán ó líder, o Soutomaior, co que se vivirá un interesante derbi. Salcedo 2-3 Soutomaior O Soutomaior mantense líder logo de gañar ó Salcedo, pero fíxoo pasando máis apuros dos previstos. Os locais mostráronse moi duros na defensa, aínda que na segunda metade o Soutomaior conseguiu ter máis o balón, o que os levou á vitoria. O domingo reciben ó Cesantes, un derbi ó que os dous equipos chegan en situación ben distinta, o Soutomaior como líder e o Cesantes na metade baixa da táboa. Louredo 1-3 Nespereira O Nesperaira gañou sen demasiadas dificultades ó pechacancelas do grupo e sitúase na 6ª praza da táboa. O domingo reciben ó Juvenil, 9º do grupo. Futbol Sala Autonómica Sur Opel Fimauto 3-1 Redondela F.S. Os de Noli perderon no Porriño, malia aguantar o resultado cun empate a un gol no primeiro tempo, na segunda metade o Opel Fimauto gozou de máis ocasións e fíxose co partido. A próxima xornada reciben en Redondela ó Cereixa, o pechacancelas do grupo.