As festas de Nadal, Aninovo e Reis supoñen sempre gastos “extra” para as economías familiares, e en tempos de crise serán moitas as que teñan que facer “axustes”. Para os agasallos a xente elixe produtos “económicos e prácticos, e as celebracións faranse con comidas “sen grandes luxos”, evitando peixes e mariscos caros. Algo que xa notan na Praza de Abastos de Redondela, onde as peixeiras cifran a caída das ventas nun 50%.
Segundo a a Federación de Usuarios e Consumidores cada galego gastará de media 510 euros nestas festas, un 20% menos que o ano pasado. En Redondela os veciños aseguran que non chegarán a esas cifras, porque este ano as cousas “non están para moitos gastos”. Nieves, que ten un negocio de cortinas na vila, explica que na sá súa casa recortaranse os gastos, e que non farán “excesos” nin nas ceas destas festas nin tampouco nos agasallos. Pedro tamén explica que nestas datas “hai que cortarse en todo”, porque ademais todo está “moi caro”. A cesta da compra subiu, e os salarios baixaron, e tendo en conta ademais o que se incrementou o paro, moitas familias non estarán en disposición de facer grandes gastos nestas festas. Para Joaquín o importante é pasar estas datas “en familia”, e festexar o Nadal, aínda que sexa “con menos luxos”. Para axustar os orzamentos familiares os consumidores optan por mercar produtos máis económicos, e iso nótase na Praza de Abastos de Redondela, onde hai meses que se rexistra unha importante caída do negocio. Peixeiras como Peregrina ou Alba lamentan que cada vez vai menos xente a mercar, e cifran a redución das ventas nun 50% con respecto ó ano pasado. Vendedoras como Carmen ou Pura entenden que o prezo do peixe e marisco “é elevado” polo que cada vez menos xente se pode permitir ese luxo. Especies como o linguado ou rape escapan do alcalde da maioría das familias, que optan mellor por outros peixes máis económicos, como o xurelo ou o chinco, “aínda que tampouco se venden moito”. Hai xa anos que as peixeiras desta praza non reciben volumes importantes de encargos de marisco e peixe para as festas de Nadal, e auguran unhas festas “con poucas ventas”.