Dende o goberno local aseguran que “en cuestión de días” os remeiros de Chapela poderán facer uso das instalacións nos baixos do novo edificio da piscina “unha vez se solucionen os problemas técnicos” que impiden dotar de auga quente e ventilación estes vestiarios. O voceiro do PP, Alberto Pazos, tamén contesta a outras demandas dos remeiros e adianta que o concello non asumirá a factura da auga do club.
O goberno local comprende a impaciencia dos remeiros de Chapela logo de meses facendo uso dunhas casetas de obra como vestiarios provisionais pero aseguran que “en cuestión de días” estes deportistas poderán xa facer uso dunhas instalacións axeitadas nos baixos da piscina unha vez se solucionen os problemas técnicos que impiden que os deportistas conten con auga quente e ventilación. O voceiro do equipo municipal, Alberto Pazos, explicaba que está en mans dos técnicos solucionar “os problemas derivados de pequenas deficiencias de instalación” e que en breve estarán arranxados. Pazos é tallante en canto ás “novas reclamacións” da directiva do club. Asegura que o novo goberno respectará ao 100% o convenio asinado entre o club e o goberno anterior, e que cumprirá todo o recollido no texto que no seu día foi aprobado no pleno, pero que en ningún caso asumirá supostos compromisos dos anteriores mandatarios municipais que non están recollidos en ningures. Fai referencia por exemplo ás facturas da auga e lembra que o goberno non pode asumir ese pagos porque sería un agravio comparativo con outras entidades e porque así ven recollido no propio convenio asinado co club de remo de Chapela. Lembramos que esta tarde ás 19:30 horas os remeiros desta parroquias concentraranse diante do concello para reclamar do goberno local estas e outras reivindicacións.