A Concellería de Cultura propón elaborar un programa de actos de homenaxe para lembrar e promover a obra deste insigne redondelán no ano no que se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento.
No pleno que se celebra esta tarde ás 20:00 horas debaterase unha moción do PP na que propoñen declarar o ano 2012 ano na memoria de Casto Sampedro. A proposta chega dende a Concellería de cultura co obxecto de conmemorar o 75 aniversario do pasamento do humanista, quen morreu en Pontevedra o 8 de abril de 1937, cun programa de actos que sirvan para homenaxear e promover a súa obra.
Sampedro naceu en Redondela no ano 1848, e ao longo dos seu 89 anos de vida desenvolveu unha importante labor en prol da busca, conservación, estudo e difusión das fontes históricas, tanto de interese local coma galego, así como na recuperación dun gran volume de material sobre o folclore do noso país que, segundo destaca o edil Alberto Pazos, daquela sufría unha perigosa tendencia ao esquecemento.
Un traballo que Casto Sampedro canalizou a través da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, entidade da que foi o seu fundador e presidente e que centrou os seus esforzos na recuperación da memoria histórica e cultural de Galicia.