O equipo gañou o último partido da primeira volta diante do Mobles Andrade, un duro rival. O adestrador, Nolichi, amósase satisfeito coa evolución do xogo do equipo, pero recoñece que teñen que mellorar como visitantes. Agarda que na segunda volta os xogadores se “liberen da presión” coa que xogan fóra da casa.
O Lavadores, un dos equipos mais fortes da Autonómica Sur, e o próximo rival do Redondela F.S. O encontro dispútase o sábado no Pavillón Municipal de Redondela, e será o primeiro partido da segunda volta. Os de Nolichi xogan como locais por segunda semana consecutiva, logo de gañar ó Mobles Andrade nun partido moi igualado e de intensidade, no que os locais souberon impoñerse á férrea defensa dos ourensáns. A vitoria deixa ó equipo local na metade da táboa, ocupan a 8ª praza da táboa cando a liga chega ó seu ecuador. O técnico, que se fixo cargo do equipo en novembro, amósase satisfeito coa melloría no xogo do equipo. Nolichi destaca que todos traballan “con moita ilusión” e conta cun amplo banco de xogadores, con ata 14 efectivos, máis algún que se poida sumar do equipo de categoría inferior. O único problema é que se trata de xogadores moi novos, moitos deles estudantes, que en ocasións non poden participar nos adestramentos ou mesmo nalgún partido de competición. Polo de agora os resultados están a ser bos, sobre todo na casa, aínda que non acontece o mesmo nos partidos que xogan como visitantes. Nolichi agarda que nesta segunda volta da competición os xogadores “xoguen máis libres” fóra da casa, e “sen tensións”, para facer o mesmo xogo que despregan como locais. Entende que o equipo “non debe ter ningunha presión” porque “non a hai”, nin por parte do equipo técnico nin da directiva. Para o técnico o obxectivo da permanencia é importante, pero entende que cos resultados colleitados ata o de agora o equipo cumprirá con esa meta.