A SAR Plastic Omnium mellorou o aspecto defensivo no último partido disputado en Redondela diante do Cisne, o que faltou nesta ocasión foron os acertos de cara ao gol. Con todo, o técnico sinala que o xogo mellora e que están “na boa liña”, polo que agarda remontar resultados nesta segunda volta e saír dos postos de descenso. Para iso fai un chamamento aos xogadores e a afección para que faga “un maior esforzo” e pelexen por saír dos postos de descenso.
A temporada non está a ser boa para a SAR Plastic Omnium. O equipo de Pablo Muíños, malia que mellorou no último partido o aspecto defensivo, tivo moitos erros en ataque. A falta de acerto de cara ó gol propiciou a vitoria do Cisne. Con todo, o técnico sinala que o equipo está “na boa liña”, e que están a mellorar o seu xogo. Por iso confía en que nesta segunda volta os resultados cheguen. Para iso será preciso que sigan a traballar “con ilusión”. Pero o técnico aproveita tamén facer unha advertencia ó vestiario. Muíños sinala que desde a directiva se están a facer “moitos esforzos” para manter o club, e sinala que algúns xogadores “poderían apoiar máis ó equipo”. Un chamamento que traslada non só ó equipo, senón tamén a afección, para que todos “arrimen o ombreiro” na loita pola permanencia. O seu próximo rival será o Lalín, un desprazamento complicado xa que se trata dun dos equipos máis fortes da liga, que ven de golear ó líder no Porriño. Con todo, viaxan co obxectivo de facer un bo traballo e sacar un resultado positivo. Pero Muíños sabe que a súa liga é outra, e que para manter a categoría terán que superar ós seus rivais directos. Equipos como Camariñas, Avilesina e OAR Coruña son inimigos a combater. E con todos eles a cita será en Redondela nesta segunda volta. Antes disputarse na bomboneira o derbi co Paraxe Construcións Chapela, o 4 de febreiro.