Todos os grupos amosaron a súa conformidade cunha moción presentada pola Agrupación de Electores para lle reclamar a Audasa a retirada da peaxe na AP-9, unha taxa que lle supón aos condutores un gasto de 0’75 euros por traxecto. O goberno local solicitará a Fomento a construcción de beirarrúas en Cabanas para incrementar a seguridade vial dos peóns que viven na zona.
Todos os grupos presentes na corporación amosaron a súa conformidade coa moción presentada pola Agrupación de Electores na que solicitaban a supresión da peaxe entre Redondela e Vigo tendo en conta que logo de 30 anos ese tramos da AP-9 está sobradamente amortizado, polo que non hai xustificación algunha para manter unha taxe que lle supón aos condutores un custe de 75 céntimos por viaxe.Na súa moción, AER demandaba que se adecuasen as beirarrúas e os cruzamentos peonís na rotonda da N-552 no barrio de Cabanas xa que segundo apuntan “tal e como está construída dita rotonda debido a defectos de deseño os peóns non teñen ningunha maneira de continuar a súa marcha tanto en dirección Vigo como na contraria ao non estar dotada de beirarrúas, pasos de peóns nin semáforos.Unha petición que non dubidaban en apoiar os concelleiros do Bloque. Xoán Carlos González aproveitaba a súa intervención para criticar a PP e PSOE que pese a ter gobernado tanto na Xunta como no Goberno estatal nada teñen feito por eliminar esa peaxe. Apoiaron a petición de maior seguridade vial en Cabanas pero facían extensible esta petición tamén a Rande, cuxos veciños demandan beirarrúas e semáforos.Dende o PSOE cualificaban de “agravio comparativo” o feito de que os veciños procedentes de O Morrazo non teñan que pagar por usar a autoestrada pero que si o teñan que facer os veciños da nosa vila. Eduardo Reguera lembraba tamén que as queixas pola escasa seguridade vial na contorna da nova rotonda chegaron ata o seu grupo, queixas sobre todo dos que teñen que desprazarse ata o Alto da Encarnación para coller o VITRASA a Vigo. Unha moción que contou tamén co apoio do PP, o edil Alberto Pazos subliñaba que esta discriminación prexudica aos veciños directamente pero tamén ao desenvolvemento económico e turístico. Adiantaba ademais o edil que xa lle solicitaron ao director xeral de Audasa, Andrés Muntaner unha reunión para abordar a liberación da peaxe e unha solución para os ruídos e contaminación que sofren os veciños da parroquia de Chapela.