A oitava edición do festival Redondela en curto celebrarase a finais do mes de abril, pero os interesados en presentar as súas curtametraxes a concurso deberán facelo antes do 11 de marzo. Nesta edicións espérase recibir un maior número de comedias e manterase unha das liñas distintivas do festival: a aposta pola calidade coa proxección en alta definición.
O director do festival, Fernando Carreira “Cuchi” prevé que serán máis de 300 os traballos que se presente a esta edición, tendo en conta que ese é o número de curtas que xa se recibiron en edicións pasadas. Unha vez pechado o prazo terán por diante un longo proceso de visionado e selección de onte sairán as 16 películas que se proxectarán no festival.Logo dun mes son xa máis de cen as recibidas tanto a través de correo tradicional como vía internet. Do recibido ata o de agora Carreira destaca que cada vez os directores apostan máis pola comedia, un xénero que representa a día de hoxe en torno a un 30% dos traballos presentados cando antes os títulos de humor eran claramente minoritarios. O motivo habería que buscalo en que os directores son conscientes de que este é o xénero máis aplaudido polo público e tamén porque a situación actual fai que se opte por argumentos menos dramáticos.En canto ao financiamento, o festival espera contar cos 18.000 euros de anos anteriores, unha cantidade que entende xa “moi axustada” para un festival destas características e un dos poucos de todo o Estado en apostar claramente pola máxima calidade que pode dar un formato dixital: a alta definición.